Un dos sinais máis claros de que se está completamente adaptado a un estilo de vida é comezar a facer plans. Estar a pensar no que vai pasar no futuro implica confianza en que o que está a pasar no presente está baixo control. Así é coma me estou a sentir nestas últimas semanas: na casa.
O tempo estanos a axudar bastante nestas primeiras semanas, e miramos de aproveitalo para camiñar un pouco polo centro de Amsterdam. Hai un par de sábados era ese o plan, só que ao final o “pouco” rematou por ser unhas catro horas e media. En cidades tan interesantes coma esta, sempre hai dúas posibilidades cando se sae dar unha volta: atopar un sitio incrible e perder a noción do tempo ou ben perder a noción do tempo mirando arredor porque todo é bastante incrible. Percorremos o Jordaan dende a comercial Harleemstraat ata a Westerkerk, a igrexa onde foi soterrado Rembrant e da que proviñan as tristes badaladas que escoitaba Ana Frank no seu exilio. Despois, continuamos camiñando ata a sempre rebuldeira Leidseplein e de aí de novo cara o norte en dirección a Central Station, pasando polo mercado das flores, e facendo unha longa parada no American Book Center de Spui. Non era a primeira vez que visitabamos ningún deses sitios, mais sempre se atopan cousas novas: o mercado dos sábados en Jordaan, unha tenda de aceites de oliva do Mediterráneo, outra na que mercar folla de té e gran de café ao peso… Foi ese día cando decidimos que non dabamos para reter tanto dato de memoria e decidimos comezar a trazar sobre un mapa as rutas dos nosos paseos. A verdade é que se está a converter nun esforzo do máis entretido que seguro que agradeceremos moito cando teñamos algunha visita á que levar de paseo.
O mesmo feito de redactar as rutas en papel pode verse coma unha especie de plan. Co traballo de poñer a casa ao noso gusto practicamente rematado e Amsterdam moi pero que moi pateada xa, o seguinte van ser outras cidades holandesas. Aproveitando o magnífico servizo de transporte público, parece moi doado achegarse un fin de semana ata Harleem, Utrecht, ou mesmo Den Haag. As tres cidades son do máis recomendado para facer un pouco de turismo e algunas fotos. Especialmente Den Haag, que ben sendo unha especie de Miami á holandesa, coa praia no centro da cidade e a xente saíndo do traballo para coller o tranvía e ir comer sentados no peirao cos pés na auga. Para un pouco máis adiante quedan as visitas a outras zonas de Europa: o norte de Alemania ou Bélxica están realmente a tiro de pedra no tren de alta velocidade. Por poñer un exemplo, a viaxe a París dende Ámsterdam dura 2 horas e media! Case coma as dezasete horas do Estrella Coruña-Barcelona; perdón, dezaseis e media.
Pero o plan máis inmediato que temos son as vacacións que comezamos hoxe. Despois de tres meses e un mes respectivamente, imos voltar á terra facer unha visita dunha semana. Temos moitísima ilusión por ver á familia, os amigos, visitar todos os lugares que botamos de menos… Váisenos ir a semana voando. Aqueles que seguides isto regularmente sabede que seguiremos localizables por correo electrónico e nos números de móbil habituais. De antemán lamentamos non poder coincidir con todo o mundo, pero andamos moi xustos de tempo e somos os únicos de vacacións, co que os ócos na axenda están moi cobizados e van ser malos de cadrar. De calquera xeito, non podo deixar de pasar a ocasión de agradecervos a todos o apoio nesta nosa aventura, as chamadas e mensaxes de agarimo que nos fixeron sentir moito máis preto da casa enfronte da pantalla do ordenador. Pode parecer esaxerado, mais sen vós non sei se tería superado as primeiras semanas: se escribín aquí o que escribín imaxinade o que non contei.
Esta entrada, coma o resto do blog, é para vós. O mesmo ca as rutas que estamos a facer. O mesmo que as fotos que tomamos do piso e ca as historias que levamos preparadas. Coma cada sentir de agarimo que levo na alma. Dende mañá, terei a oportunidade de engadir aos agradecementos cervexas, contos, kilómetros e moitas risas. Mais nunca deixarei de sentirme en débeda. Non hai día que non me sinta inmensamente afortunado pola oportunidade de coñecervos e tervos ao meu carón.
Chegamos en dezaoito horas. E contando…
Nos alegró muchísimo veros. Ya desde lejos, en plena calle de la estrella, parecíais un par de extranjeros…. Inconfundibles de negro pero muy oranges.
Agradeceros el hueco en vuestra apretadísima agenda para estos pocos días en los que todo el mundo que os aprecia y quiere (muchísimos) y a los
que vosotros correspondéis, quieren encontrarse con vosotros aunque sea por unos minutos.
Si la agenda de estos días es apretada, la ocupación en la pensión Vanquiq en Weesp creo que está desbordadísima. No se si tendréis que habilitar el trastero…
Es una envidia (sanísima) ver la ilusión que tenéis y que irradiáis y la fortaleza con la que estáis encarando vuestro futuro prometedor juntos.
Un beso y fuerte abrazo
Nieves y Padri