Non é esta a primeira entrada do blogue na que fago referencia á sorte que teño de contar cun círculo de amizades que cada día me deixa relampos do seu agarimo. Mais o acontecido nestas últimas semanas fíxome sentir emocións tan intensas que non dou resistido o impulso de compartilas convosco para revivilas de novo. Devezo por facervos partícipes desas emocións, así que sen máis dilación, paso a relatarvos os feitos que converteron o meu vixésimo séptimo aniversario no máis especial dos que vivín ata hoxe.
Todo comezou a tarde do venres vintecatro de xuño. Sabía que Vane andaba a preparar algo para esa fin de semana, pero non tiña nin idea do que. Pois ben, cando cheguei a casa despois do traballo atopeime cunha impresionante festa temática. Despois de tomar un bebedizo máxico para encoller, e de comer unha galleta máxica para agrandar por ter encollido de máis, dei entrado no País das Marabillas que Vane preparara para min. Alí atopei unha festa do té, un bosque con magdalenas de cores, galletas, unha saborosa tarta en forma de gato rosa, unha deliciosa larva arrollada de cor azul, un sombrereiro tolo, unha Alicia perdida e ata á mesmísima Raíña Vermella. Resúltame difícil de describir, pero coido que as imaxes falan por si mesmas.
Certamente, despois desa noite as miñas aspiracións para a fin de semana pasaban por ver o GP de Assen cunha boa comida e facer algunha excursión turística polos arredores de Amsterdam, aproveitando que a inmensa masa de xente ociosa estaría precisamente en Assen. Así que me puxen a iso. Vane estaba dun humor excelente e andaba a facer cousas pola casa mentres eu seguía antento o que acontecía nas carreiras de 125cc e Moto2. A cada pouco comentabamos cousas do ben que saíra todo o día anterior e dabamos conta das abondosas sobras. Rematada a carreira de Moto2, e aínda impresionado co carreirón de Márquez, púxenme a fregar uns cacharros na cociña, ao tempo que escoitaba de fondo a TV falando da carreira de MotoGP por comezar. Despois de poñer a secar o último vaso, escoitei coma Vane me chamaba dende a outra punta da casa. Pechei a billa e dei volta disposto a acoder á chamada, ignorando inxenuo de min o pouco preparado que estaba para o que estaba por acontecer.
Non dei saído da cociña. O meu paso cara o salón estaba interrompido por David: “Que, como vai Rossi?” É curioso como funcionan as emocións humanas. Tardei uns segundos en reaccionar. Vino a el e identifiqueino: todo correcto, David na miña casa sempre é benvido. Mirei un pouco máis e vin a Ana: de novo todo correcto. Vane, cun sorriso fermoso, ollaba a escea. E nese lapso dun par de segundos comecei a asimilar que realmente estaban alí. O peito comezóuseme a encher cunha emoción fóra de control e apenas os dei abrazado. A inxección de adrenalina foi tan inmediata que non a vin vir. A cara debeume estarrecer coa sorpresa, o agradecemento e a euforia simultáneos mesturados coa sensación de ser o tipo máis afortunado do mundo. Lembrei cando anos atrás, en Londres, eu estivera no lugar de David e crera comprender a emoción do visitado; non a comprendera nin de lonxe e aínda así devecía por estar nesa situación algunha vez. Por un momento, cheguei a pasalo mal. As mans non paraban e as pernas ameazaban con non dar mantido moito máis tempo o ritmo imposto polo corazón. Todos estabamos contentos de vernos, felices de estarmos xuntos despois de tanto tempo; e eles, por suposto, de teren levado a sorpresa ata o final. Pero eu estaba un chanzo máis arriba. Tan arriba coma para ter mal de altura. Ese momento, ao límite da saúde, lembrareino para sempre coma un dos máis felices da miña vida. Falamos, rimos, organizámonos de marabilla. Volvemos vivir a nosa complicidade coma se o tempo e os quilómetros non tivesen pasado por ela. E todo foi coma sempre, e coma sempre será.
Pouco máis podo dicir do resto da fin de semana. A verdade é que todos os conspiradores fixérono tan ben que non sospeitei nin por un segundo falando con ningún deles nos meses que levaba todo argallado. Así que para os que malia terdes participado non puidestes vir, déixovos algunhas instantáneas deses días. Por certo, que tiven un par de regalos de cumpreanos aos que darei moi bo uso 🙂
P.D. Se algunha vez se vos ocorre facer algo así outra vez, mirade de traer licor café, caña branca, ou algo un pouco máis espiritoso: as cervexas estaban moi boas pero quedaron moi curtas para apagar o lume do momento 😉
Para procurar tanta felicidade e ser tan ben recibida paga a pena facer visitas!
a festa temática, orixinal
o amor, a amizade, linda…
noraboa por sabelo apreciar. [o cumple xa o levas ben felicitado]
Graciñas e benvida!
fixeroncha boa xDDDDD
teño unha botella de licor de herbas que xurocho,esta boisma e non,non rasca,é da bodega dun tipo moi singular de pontevedra que adestra corvos (juego de tronos a tope) e si,tamen ten licor cafe,a ver se volvo a pasar por alo e a ver cando consigo subir!!!
Xa sabes que cando queras pódeste subir e facemos unha cata ou dúas, ou o que faga falla!