Hai xa cinco días que deixei de estar só nesta aventura por terras holandesas. Sobráronme catro para me decatar de que cando se está ben cunha persoa, ese benestar espállase por todos os eidos da vida diaria, invalidando mesmo as matemáticas máis básicas: o dobre de traballo, entre dous é menos da metade para cada un. Hei de recoñecer que é moi interesante observar coma alguén vai experimentando, ao seu propio xeito, as mesmas sensacións que eu vivín cando cheguei. Coido que o feito de vivilo de novo, a través doutro, axuda a comprender mellor o propio proceso de adaptación. E por suposto, resulta moi gratificante poder ser ti quen aporta coñecemento para facer a súa aprendizaxe máis doada, no canto por unha vez de seren o resto quen te axuda a ti: aí é cando de verdade te decatas do aprendido.
Tendo xa un sitio para vivir que cada día se vai vendo máis completo, e tendo tamén o traballo e a rutina de desprazamentos asimilada, comezo a ter tempo de analisar cales son as cousas realmente importantes que boto de menos. En canto ás cousas materiais, non daría citado ningunha se non tivese deixado parte do meu corazón amarrado coa miña máquina. Moito me tarda oíla ruxir de novo… Fóra diso, dende logo estraño moito o contacto humano con moitos de vós, pero non podería subliñalo coma o que máis. O peor é, sen dúbida, a sensación de estar a perder momentos. Si, boto de menos compartir un café ou unha cervexa e unha conversa cos meus, eses pequenos detalles que fan a vida moito máis agradable. Pero non é iso ao que me refiro. Falo de non poder estar coa miña xente nos momentos que realmente importan. Porei un caso coma exemplo:
Nos meses antes de vir experimentei un achegamento a unha persoa que foi, durante toda a miña vida, un referente. Esa persoa está a atravesar unha situación persoal complicada, e ultimamente compartiramos algún tempo xuntos que me axudou a entendela mellor e penso que foi positivo para a súa evolución. Pois ben, dende que cheguei aquí non pasa un só día sen que me veña á mente algún deses momentos xuntos e sinta un laio por dentro por non poder continuar acompañándoa na súa cura. Se me les, fágoche chegar os meus mellores desexos e unha forte aperta.
O título desta entrada vén motivado por outro deses intres. Hoxe, cinco de maio, féndeseme a alma por non poder estar a carón dunha das persoas coas que compartín máis anos da miña vida. El é hoxe un home, pero cando o coñecín eramos os dous moi nenos. E dende entón, malia a treboada, sempre tivo un sitio de privilexio no meu peito. Ese home é unha das mellores persoas que coñezo, e co seu xeito de afrontar a vida fai do mundo un lugar mellor. Admíroo polo xeito no que se enfrontou a unhas tráxicas circunstancias cargando sobre o seu lombo unha responsabilidade descomunal namentres apretaba os puños para non sentir a súa propia dor. Durante anos, arrastrou un lastre que faría tremer ao máis valente; nunca queixa se lle oíu e poucas veces lle faltou o sorriso. Na fin, derrubouse nos meus brazos e chorou coma só pode chorar un home, cando xa non había nada que puidera facer. Foi un xigante. Hoxe hai un ano que ese home perdeu o seu pai. Hoxe, cinco de maio, nada me doe máis ca non poder estar ao seu carón. Esta é, dende aquí, a miña pequena homenaxe.
Alégrome de que vos vaiades asentando. Por aquí botámosvos moito de menos.
Agora tócache convencer a Vane de que escriba algunha entrada 🙂
A ver se se anima e polo menos vos agasalla cun álbum de fotos de cousas de por aquí 🙂
Buf!, moitas gracias. Quérovos
É mútuo. Un bico grande.
Bonita entrada.
Alégrome de que o asentamento sexa o axeitado e estedes tan ben.
Mil apertas para ese home pois.
Bótasevos en falta, dende outro mini exilio ben sabemos que nos levamos á xente nosa na chabeta.
Biquiños!!!!!!!
Gracias por ir compartiendo con nosotros vuestras experiencias…
No pasa un día en que no pensemos en vosotros y se os eche de menos…
Bicos.