Coma un lóstrego fende o ceo

8 04 2011

Quen seguides fielmente o aquí publicado estaredes interesados nas novidades do conto do veciño tolo. Non tendo relación con esta entrada e só por mantervos informados, direi que abandonou o salón do andar principal e agora vive recluído na habitación de arriba. Supoño que o faría coa intención de pagar menos, pero xa vos adianto que non lle saíu ben. Hoxe o caseiro comunicounos a Ben, a Muriel e a min que o vai poñer na rúa mañá ao mediodía. Malia que só me queden tres días aquí, non podo evitar un sorriso: ás veces, a vida é xusta. Mais a historia do veciño xa tivo o seu protagonismo e non quero facela o tema central deste blogue, polo que decidín variar un pouco a temática.

Non é ningún segredo que a música esperta emocións moi intensas en todos nós. O xeito no que se mesturan as notas con imaxes e sensacións proxectadas pola nosa memoria é algo único. Esta idea asaltoume hai uns días cando camiñaba cara casa á volta do traballo. Ese día non collera a bici pola maña, co que dende a parada do autobús tiña por diante algo máis de dez minutos de paseo. O barullo doméstico non pasaba polo mellor dos momentos e percorría a distancia cos cascos postos analisándoo teimudo na procura dunha estratexia para mellorala. E entón sonou.

Veume á mente unha frase: "Con esto empezo todo, y con esto se termina". Coas primeiras notas sentín como me subían polo lombo centos de lembranzas. Co son da intro clásica volveu a enerxía aos meus pasos e asaltáronme diapositivas da miña nenez e da miña adolescencia. O que sentín xa o sentira antes, moitos anos antes, sen saber o que significaría para min e o que me uniría algúns dos que me ledes. Poucas veces na miña vida sentín algo tan forte cunha canción.

A intro remata no alto e durante uns intres só se escoitan os berros de emoción da xente agardando pola descarga. O lóstrego. E as guitarras comezan a arder, portadoras do trono. Sen me decatar, estou camiñando moito máis acelerado do normal. Ata sinto o corazón no peito. Son imparable.

Hai milleiros de xeitos de interpretar unha letra coma esa, máis e menos libres. Para min, o tema fala de como non se pode renunciar ao que se é, chámese principios, xens ou instinto. A esencia de cada un está sempre dentro, agardando a ser espertada. Tanto ten a situación social, familiar ou profesional que nos rodee: chegados a un punto non se pode cambiar o que somos. Pódese educar, si. Tamén se pode canalizar. Máis a enerxía de cada persoa é única, e estou certo de que no fondo é iso o que guía unha enorme porcentaxe das relacións entre humanos. Esa esencia inexplicable é o que nos xunta. E cando as bestas de dúas persoas están ben xuntas, non hai forza nin razón no mundo que as dea separado. Isto aprendino da persoa coa que escoitei esta canción por primeira vez e non o hei esquecer endexamais.

"Dijo un poeta que una canción no es canción hasta que la canta el pueblo". Esta, de tanto que se cantou, gastouse. Pero de tanto en tanto, escoitala ten un efecto purificador.

Unha vez lin que Os Suaves ían ser a banda que máis se botase de menos do rock español, pois fóra de Galicia apenas se recoñeceu todo o que fixeron polo movemento. Malia as malas actuacións, os excesos e a decadencia, hai tres cousas innegables: Cereijo é un guitarrista, Yosi un poeta e Os Suaves entregaron as súas vidas ao Rock&Roll. A min, escoitalos devólveme ás veces esceas esquecidas da miña. Por isoestareilles sempre agradecido. Aquí deixo, hoxe, a miña homenaxe.


Accións

Información

Unha resposta

8 04 2011
Enrique

Tamén eu disfrutei moito na praia de Riazor con estes bestas do rock´roll.
A parte de mexarse, o Yosi case cae abaixo do escenario de tanta entrega (e do cocido que ía).
DA GUSTO OÍLOOOOOOS!!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s




A %d blogueros les gusta esto: